Friday 26 de April de 2024

Os traballos de limpeza nas marxes das estradas da Xunta permitiron desde xullo a roza mecánica de 320km e a actuar nunha superficie de 112.500 m2 de modo manual


― Os labores levados a cabo propiciaron a retirada de 1.500 árbores en dominio público de estradas, susceptibles de provocar lumes ou que supoñían un risco de caída na calzada

― Cada semana, unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación

― A vindeira semana iniciaranse os traballos nas estradas coruñesas AC-552 en Vimianzo, e na autovía de Ferrol-Vilaba (AG-64); nas vías ourensáns OU-171, no Carballiño, e OU-404, en Celanova; e na vía de altas prestacións VG-4.4, en Pontevedra e en Marín

― Estas actuacións, que se suman ás realizadas a través dos medios de conservación ordinaria, favorecen a prevención dos lumes e contribúen á seguridade viaria, aumentando a visibilidade e afastando da estrada a fauna salvaxe como os xabarís

― A Consellería de Infraestruturas leva investidos 6,8 M€ desde 2018 nas actuacións de control da biomasa das estradas autonómicas realizadas por encomenda a Seaga
Os traballos de limpeza que se están a acometer nas marxes das estradas da Xunta a través dunha nova encomenda á empresa pública Seaga permitiron, desde xullo, a roza mecánica de 320 quilómetros lineais e actuar nunha superficie de máis de 112.500 m2 de xeito manual, nas vías das catro provincias.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou o pasado mes de xullo estes traballos, tras renovar coa empresa pública Seaga o contrato para acometer tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Os traballos levados a cabo nestes catro meses propiciaron a retirada de 1.500 árbores en dominio público de estradas, susceptibles de provocar lumes ou que supoñían un risco de caída na calzada.

Cada semana, unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación nas marxes das estradas autonómicas.

Este luns, iniciaranse novos traballos de limpeza en estradas autonómicas das provincias da Coruña, de Ourense e de Pontevedra.

Concretamente, na provincia da Coruña comezarán os traballos de roza na estrada AC-552, en Vimianzo, e na autovía de Ferrol-Vilaba (AG-64). Tamén comezarán na provincia de Ourense os labores de roza e tala na OU-171, no Carballiño, e na OU-404, en Celanova.
Ademais, retómanse estas tarefas de limpeza das marxes da vía de altas prestacións VG-4.4, en Pontevedra e en Marín.
Ao tempo que se inician novas actuacións, a Xunta proseguirá coas tarefas iniciadas nestas últimas semanas na vía de altas prestacións VG-1.4, que comunica Cee e Sardiñeiro, no concello coruñés de Fisterra.
Tamén continuarán estas tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas da provincia de Lugo, na vía de altas prestacións CG-2.2 Lugo-Sarria, ao seu paso polos municipios de Lugo, do Corgo, do Páramo e de Sarria; e tamén na LU-934, en Friol.

Ademais proseguirán os labores comezados hai dúas semanas na OU-536, en Ourense; e os iniciados hai un mes na estrada PO-531 en Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.

Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos proxectados eliminarán árbores que poderían caer á estrada en caso de temporal e evitarán que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Ademais, serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da estrada animais como os xabarís.

Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga.

Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 o Goberno galego leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas autonómicas.